Padrón destina 81.000 € a adecuar o edificio dos Servizos Sociais
14.08.2010 O Concello de Padrón adxudicou á empresa Castaño Bascoy o proxecto de execución de reforma e adecuación do edificio de Servizos Sociais. Dita actuación, que contempla un investimento superior aos 81.000 euros, enmárcase nos proxectos financiados con cargo ao Plan E.

Segundo explica o edil responsable deste departamento, Manuel García, a actuación vai encamiñada a dar un lavado de face exterior e a adecuar a primeira planta do edificio para dispor de novos espazos.
Nesta liña, García puntualiza que tamén se pretende eliminar as barreiras arquitectónicas no edificio e a arranxar a cuberta do inmoble que se atopa en malas condicións. Nestas actuacións tamén se inclúen traballos de fontanaría, melloras nas instalacións, colocación de dobre xanela, entre outros.
O Concello espera que os traballos comecen en setembro e, unha vez finalizadas as obras, redistribuiranse os espazos e os servizos. De feito, a pretensión de Manuel García é que algúns servizos como o asesoramento xurídico do Centro de Información á Muller amplíe o seu horario.
CBOTRAN@ELCORREOGALLEGO.ES





