O Concello padronés convoca as axudas á rehabilitación
09.07.2010 O Concello de Padrón procedeu á apertura dunha nova convocatoria de axudas para a rehabilitación de vivendas situadas na área de rehabilitación do centro histórico da vila. O prazo para a solicitude das subvencións finalizará o día 19 de xullo.

As axudas van destinadas ás actuacións de rehabilitación de inmobles que, á parte de estar radicadas no ámbito indicado, estean de acordo coas condicións e limitacións establecidas pola normativa.
Os beneficiarios recibirán unha subvención a fondo perdido do 70% do orzamento protexido das obras, sen que exceda de 8.000 euros por vivenda. Para iso, haberán de comprometerse a destinar a vivenda rehabilitada a residencia habitual ou ao seu aluguer por un período mínimo de cinco anos. Tras a solicitude, os técnicos visitarán a edificación para coñecer o seu estado e asesorar ao peticionario sobre as melloras a realizar.
Entre as actuacións subvencionables áchanse os tellados, pintura interior e exterior, reposición de canlóns e bajantes en cobre ou zinc, substitución de carpintarías exteriores e elementos de peche, distribución interior, fontanaría, electricidade e saneamento, instalacións sanitarias, ventilación e iluminación natural, illamento térmico e instalacións de baños e cociñas.
Noutra orde de cousas, a Deputación da Coruña concedeuna ao Concello unha subvención de 11.000 euros para a elaboración dunha exposición, a cargo da concellaría de Cultura, que levará por título Vos Camiños de Padrón e que se inaugurará probablemente este verán.
A mostra é un percorrido xacobeo a partir do desembarco do Apóstolo en terras padronesas. Figuran elementos históricos ou lendarios como o pedrón, a barca ou o Santiaguiño, así como documentación vinculada a estes feitos como os privilexios concedidos a Padrón por todos os reis españois desde Fernando II até Felipe V.
A exposición, con vocación itinerante, asentarase sobre 16 paneis agrupados en tres capítulos: o Camiño da tradición e o mito, o Camiño da historia e o Camiño literario. Os textos foron elaborados polo concelleiro de Cultura e o deseño é obra de Serxio Bandín.
Por outra banda, a Consellería de Cultura e o Concello padronés subscribiron un convenio para a rehabilitación da casa do ermitán do Santiaguiño do Monte, por un importe de 32.000 euros. As actuacións abordarán a carpintaría, pavimento de pedra na planta baixa, mellora do aseo, renovación das instalacións de fontanaría e electricidade, recuperación do reloxo do século XVIII, eliminación de filtracións e reconstrución do soportal. A casa habilitarase como punto de información turística durante o verán.





