Padrón alberga o fin de semana a sexta feira medieval

09.07.2010   Padrón transfórmase este fin de semana nunha vila medieval. Desde mañá pola tarde e até o domingo, a ambientación do medievo encherá por sexto ano as rúas do casco antigo, para deleite de padroneses, conveciños e turistas. A Xunta de Goberno do Concello adxudicou na sesión extraordinaria do martes o contrato para a celebración da feira, que correrá a cargo da empresa Emacar Eventos por un importe total de 28.000 euros, de acordo coa información achegada polo concelleiro de Cultura, Eloy Rodríguez Carbia.

 

 

Onte mesmo comezou a colocación das teas que decorarán as rúas de Padrón. A feira inaugúrase mañá ao cinco e media da tarde coa apertura do campamento medieval, o recuncho infantil, a exposición de cetraría e o tiro con arco, actividades todas elas que se repetirán o sábado e o domingo. Nesta edición destacan, ademais, outras exhibicións como a de lanzamento de machadas, de sca ou a loita de cabaleiros.

Non faltará, tampouco, a animación musical polas rúas padronesas ou un gran torneo medieval, neste caso no Paseo do Espolón. Tanto o sábado como o domingo, a feira comeza xa pola mañá, a partir do once e media, para concluír pola noite. Case todo está preparado xa para a cita deste fin de semana que, previsiblemente, terá na praia unha forte competidora á hora de atraer público a Padrón.