A auditoría acredita a «nefasta» xestión do governo do PP en Padrón

28.07.2010   Os resultados da auditoría realizada pola Universidade de Santiago sobre os últimos anos do goberno do Partido Popular no Concello de Padrón, no período do 2004 ao 2007, ratifican o que PSOE e CIPa veñen repetindo no que vai de lexislatura: que a xestión económica na etapa do PP foi «nefasta» e que, cando chegaron ao Concello en xuño do 2007, leste estaba practicamente en «bancarrota», cun remanente de tesouraría negativo de 1.294.711,08 euros.

 

 

Así o aseguraron onte o alcalde Camilo Forján, o tenente de alcalde Eloy Rodríguez e o concelleiro de Persoal José Bentrón, que fixeron público o contido da auditoría, entregada ao Concello en marzo. A revisión das contas municipais ratifica mesmo o que os grupos do actual goberno de Padrón xa denunciaban desde a oposición, como o elevado gasto en persoal que, a este paso, vai camiño de absorber o 50% do orzamento anual do Concello.

A este respecto, revela tamén que a contratación de persoal fíxose con «falta de criterio e rigor», en palabras do alcalde padronés, Camilo Forján, en alusión a que non se tivo en conta as «necesidades reais» que tiña a Administración local. O tres políticos incidiron en que a contratación «con falta de garantías» do persoal do Concello, que a día de hoxe supera o centenar, trouxo como consecuencia unha «administración descompensada, que carece de postos resolutivos» o que, engadiron, «maniata a acción de goberno», asegurou Eloy Rodríguez. Neste punto faise necesario, engadiu José Bentrón, elaborar canto antes unha RPT (Relación de Postos de Traballo), sen dúbida una das «materias pendentes» do goberno de PSOE e CIPa, se renovan mandato. José Bentrón tamén quixo precisar que a RPT podería estar feita se a partida económica destinada para iso non se investiu na elaboración da auditoría.

Esta tamén se refire ás subvencións que dá o Concello, cuxo número deberá reducir segundo a auditoría e, sobre todo, concedelas en base a un proceso de «concorrencia competitiva», algo no que xa traballa o goberno para que non haxa «axudas non xustificadas», como sucedeu na etapa anterior, dixo.

En canto á situación económica do Concello tras a saída do PP, a coalición de PSOE e CIPa atopouse con que o anterior goberno non tiña «disciplina orzamentaria», co que gastaba máis do que ingresaba e tardaba até un ano en pagar aos provedores. A algúns, mesmo, non lle recoñecía a débeda contraída, segundo a información feita pública e facilitada tamén á oposición.